14/3/07

Suarez Picallo.Militante Republicano

Ramón Suárez Picallo (Veloi, Sada, 1894 - Bos Aires, 14 de outubro de 1964) foi un xornalista e político galeguista.
Suárez Picallo comezou a traballar na terra aos sete anos, e aos catorce acompañaba seu pai como mariñeiro. Emigrou el só á Arxentina con catorce anos. Ali tivo unha activa participación na vida sindical e política. En 1917 a Revolución Rusa levouno a posicións máis radicais. En 1918 foi candidato a concelleiro en Bos Aires e un ano despois candidato a senador pola provincia de San Juan.
Foise afastando da militancia comunista para se dedicar de cheo á vida sindical e gañar a vida en distintos oficios. Foi secretario de redacción do semanario Correo de Galicia de Bos Aires desde abril de 1926 até o 16 de maio de 1931. Influenciado pola obra do Seminario de Estudos Galegos e as publicacións Nós e A Nosa Terra, colaborou na creación da Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais, de ideoloxía republicada federal e socialista, da que chegou a ser presidente. Organizou mitíns contra a ditadura de Primo de Rivera e durante varios anos a "Semana Galega" en homenaxe a Pardo de Cela. Foi secretario de redacción e colaborador asiduo do seu órgano quincenal, El Despertar Gallego. O 30 de setembro de 1924 saíu á rúa o primeiro número da revista Céltiga impulsada por Domingo Rial Seijo e baixo a dirección colexiada de Ramón Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor e Eliseo Pulpeiro.
O 18 de agosto de 1925 estreou a súa obra teatral patriótica Marola no Teatro Mayo de Bos Aires, con música de Paz Hermo e asesoría teatral de Eduardo Blanco Amor.
En 1926 viaxou a Europa para participar no congreso anual da Organización Internacional do Traballo que se celebrou en Xenebra. Entre os seus cometidos estaba visitar Galiza como correspondente de Céltiga e contactar cos círculos políticos daquela época. O 21 de agosto falou no Círculo de Artesáns da Coruña sobre o xurdimento do nacionalismo galego en América, acto no que foi presentado por Antón Vilar Ponte, un dos fundadores das Irmandades da Fala. O 29 estas ofrecéronlle un xantar en San Pedro de Nós, un día antes de coller o barco para a Arxentina. Durante a súa estadía en Galiza Picallo establecería unha fonda amizade política con Antón Vilar Ponte, e posteriormente de ORGA.
De regreso a Bos Aires, fundou unha sección da ORGA. A Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais, xunto coa ORGA, resolveu enviar como delegados á Asemblea Republicana da Coruña a Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Sigüenza.

No hay comentarios: