29/1/07

Ramón Cabanillas

Ramón Cabanillas Enriquez naceu o 3 de xuño de 1876 en Ferfíñans (Cambados).

Despois de abandonar a súa carreira eclesiástica en Compostela e regresou a Cambados onde traballou como funcionario do Concello. Con trinta e catro anos emigrou a Cuba, onde residiu entre 1910 e 1915 onde coñeceu a Basilio Álvarez que o gañou para a causa agrarista e a Xosé Fontenla Leal que foi clave para que comezase a escribir en galego.

Cabanillas sobresaiu especialmente nas súas facetas de poeta e autor teatral, cultivando asemade a tradución e, esporadicamente, a prosa. Está considerado como unha das voces máis destacadas da literatura do século XX, o que lle valeu a denominación de Poeta da Raza. Como versificador recurriu a diversos rexistros temáticos -o amoroso, o relixioso ou o de preocupación cívica- e estilísticos. Os ecos intimistas das súas primeiras poesías deixaron paso a proxectos máis comprometidos, nos que puxo as súas verbas ao servizo da construción nacional. É o caso de Da terra asoballada -1926- ou da peza dramática A man de Santiña, que escribiría en 1921 a instancias de Antón Vilar Ponte. Con todo, o lirismo inicial sería retomado en obras como o poemario amoroso A rosa de cen follas -1927-. Tras un longo período de silencio, publicou a finais da década dos corenta Camiños no tempo. Seguiríanlle Antífona da cantiga -1951-, Da miña zanfona -1954-, Versos de alleas terras e tempos idos -1954- e Samos -1958-, o seu último libro publicado en vida.

Morreu o 9 de novembro de 1959 en Cambados.

No hay comentarios: