A composición ideolóxica dos homes que compuxeron nun principio as IF era ben variada, nela cabían desde republicanos como Antón Vilar Ponte e demócratas radicais como Lois Porteiro, e o primeiro Xaime Quintanilla, rexionalistas liberais como Uxío Carré, rexionalistas tradicionalistas como Salvador Cabeza de León, Juan Barcia, Felipe Gil Casares, xaimistas como Antonio Valcárcel e social-católicos como Luís Peña Novo. Van ser os sectores máis liberais e progresistas os que doten ás IF dun claro contido nacionalista fronte ó rexionalismo dos sectores máis conservadores que acabarán marchando ou sen relevancia dentro das Irmandades, coa excepción de Antón Losada Diéguez.
No congreso celebrado en novembro de 1918 na cidade de Lugo, as Irmandades marcaron o seu programa político:
- Autonomía integral para Galicia.
- Autonomía municipal.
- Ingreso de Galicia na Liga das Nacións.
- Busca dunhas bases para facer posible un federalismo con Portugal.
- O poder lexislativo encomendábase a un Parlamento galego, elixido directamente polo pobo.
- O poder xudicial estaría sempre desenvolvido por cidadáns galegos.
- Réxime tributario propio, sen intervención do poder central.
- Cooficialidade do castelán e do galego.
- Igualdade de dereitos da muller.
- Supresión das Deputacións Provinciais.
- Lexislación social nas competencias que se estimasen non exclusivas do Estado.
- Toda a potestade docente.
- Administración (non construción) dos ferrocarrís.
- Fixación do cupo de forzas que se estimasen precisas para manter a orde no país.
- Control da política económica, non excluídos os bancos.
- Substantividades do dereito foral galego.
- Recuperación por parte dos pobos dos montes comunais.
- Soberanía estética de Galicia (que se conservase nas construcións o estilo digno e propio de cada marco xeográfico).
No hay comentarios:
Publicar un comentario