27/4/07

Domingo García-Sabell



O que foi Delegado do Goberno en Galicia durante quince anos e presidente da Real Academia Galega (RAG) durante dúas décadas, Domingo García-Sabell, naceu en Santiago de Compostela o 8 de outubro do ano 1909. Fillo dun procurador dos tribunais, cursou medicina na universidade compostelá, na que se licenciou co premio extraordinario, e realizou o doutorado en Madrid. Posteriormente ampliaría os seus estudios en Suíza e Alemaña. Durante a súa etapa como estudiante formou parte da Federación Universitaria Escolar (FUE), onde coincidiu con Rafael Dieste, Carlos Maside, Ánxel Fole ou Luis Seoane. No seu papel de intelectual e médico coñeceu e trabou amizade con persoeiros como Castelao, Novoa Santos, Unamuno, Valle-Inclán ou Torrente Ballester, de quen foi médico. A Guerra Civil lle impide opositar a unha praza de patoloxía médica en Zaragoza. Ó final da contenda é vetado como profesor da Universidade de Santiago de Compostela e pasa a exercer de médico internista. Ó mesmo tempo comeza a súa labor cultural, presidindo a editorial Galaxia, de Vigo, especializada en obras escritas en lingua galega, tras participar na súa fundación en 1950. Coa volta da democracia regresa ó primeiro plano da vida política e cultural de Galicia. Por unha parte é nomeado senador real durante a Lexislatura Constituinte (1977-1979) e por outra asume en novembro de 1979 a presidencia da RAG, da que forma parte desde 1957. O 20 de agosto de 1981 o consello de ministros noméao Delegado do Goberno en Galicia, cargo que ocupa ata 1996, momento no que dimite ante a previsión de ser relevado do seu posto polo novo Goberno popular. Na súa traxectoria interveu como vocal e presidente nos Premios Príncipe de Asturias das Letras, Artes e de Comunicación e Humanidades. O 10 de abril de 1997, cando presidía en Oviedo o xurado deste último, sufriu un mareo que obriga á súa hospitalización na capital do Principado. Pouco despois, en maio dese mesmo ano renunciou á presidencia da RAG, por esgotamento tras 40 anos de vida pública.

No hay comentarios: