Alexandre Bóveda Iglesias nace en Ourense o 4 de xuño de 1903, coincide cunha das etapas máis ricas e ilusionantes da historia do noso país. Alexandre Bóveda Iglesias é un dos homes fundamentais do galeguismo. Bóveda ten en Ourense e en Pontevedra as vilas que definen e caracterizan a súa biografía. Ourense é a cidade onde nace e se fornece humana e intelectualmente. Pontevedra aporta a súa madurez de home público. Dous momentos da propia historia de Galiza caracterizada polo desenvolvemento social, cultural e económico -producida pola emigración ás Américas de comezos do século XX- e, pola outra banda, polo cambio de réxime en España coa instauración da II República. Bóveda vive moi achegado á realidade que o rodea e participa activamente en diferentes espacios culturais da súa Ourense natal: promove como é o caso do Orfeón Unión Ourensá; escribe na revista radicada en Ourense La Zarpa, de Basilio Álvarez. Unha vez establecido en Pontevedra, a súa actividade non descansa. Xa maduro o seu compromiso político co galeguismo, forma con Daniel Castelao un duplo fundamental na historia contemporánea de Galiza. Os seus aportes á facenda pública son importantes: a Deputación Provincial pide a súa colaboración para optimizar diversos servicios; o Seminario de Estudos Galegos pídelle a súa contribución para a redacción do Proxecto de Estatuto galego; ten unha salientable participación na fundación da Caixa de Aforros de Pontevedra no transcorrer de 1930. Coa fundación do Partido Galeguista, Alexandre Bóveda convértese nun referente fundamental. Coas eleccións de febreiro de 1936, Bóveda preséntase pola provincia de Ourense acadando un apoio decidido dos ourensáns pero, en dubidoso escrutinio, Calvo Sotelo impón a súa candidatura. Triunfa a Fronte Popular e Galiza diríxese cara ó Plebiscito de Autonomía, votado maioritariamente. No levantamento de xullo de 1936, Alexandre Bóveda mantense fiel aos principios democráticos e constitucionais e pola súa defensa vai ser fusilado o 17 de agosto de 1936. Atila imperaba en Galiza.
¡
¡
No hay comentarios:
Publicar un comentario